Mapa ilustrado 

O mapa ilustrado Territorio Ancestral Aché foi un encargo do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC no marco do seu proxecto XSCAPE Material Minds: Exploring the Interactions between Predictive Brains, Cultural Artefacts, and Embodied Visual Search.

«En agosto de 2025, o equipo do proxecto XSACPE desenvolveu unha nova fase de traballo coa comunidade Aché de Puerto Barra, no Departamento do Alto Paraná en Paraguay, dando continuidade ás campañas realizadas en xuño e agosto de 2024. Esta etapa centrouse na cartografía de lugares tradicionais e na documentación do coñecemento ancestral, mediante un enfoque colaborativo e metodoloxías arqueolóxicas non invasivas. O traballo foi guiado polos propios membros da comunidade, especialmente polas persoas maiores, que compartiron relatos, lembranzas e prácticas culturais vinculadas a lugares específicos do territorio. A través de percorridos por antigos camiños, entrevistas realizadas no territorio, entrevistas levadas a cabo durante os desprazamentos e rexistros de audio e vídeo, identificáronse e cartografáronse lugares de profundo significado cultural, social, histórico e simbólico».

O meu traballo consistiu en traballar con estes datos para dar forma a este mapa ilustrado xunto ao deseñador Mauro Trastoy, que será exposto no museo comunitario de Puerto Barra e servirá tamén para seguir mapeando relatos, memorias e prácticas sociais coa comunidade en agosto de 2026.