Aldea dos Coidados
O panel Aldea dos Coidados foi creado como parte do proxecto Construíndo comunidades coeducativas activas pola
igualdade e a sustentabilidade, impulsado pola Delegación de InteRed en Galicia e financiado pola Axencia Española de
Cooperación para o Desenvolvemento (AECID).
O seu obxectivo é fomentar unha cidadanía crítica e corresponsable que sitúe no centro o coidado das persoas e
do planeta, desde unha mirada ecofeminista e de dereitos humanos.
A proposta gráfica nace da vontade de facer visibles os coidados e as vidas das mulleres que, desde o ámbito doméstico, laboral e comunitario, sustentan a vida. A través dunha linguaxe simbólica e accesible para o público escolar, o panel pretende abrir espazos de diálogo, reflexión e aprendizaxe compartida en centros educativos de Galicia.
O contido do panel deriva dun proceso participativo desenvolvido por InteRed e APAIOGA con alumnado da asignatura de Oratoria de 3o da ESO do IES Illa San Simón.
Nas sesións de traballo recolléronse reflexións do alumando arredor dos coidados, a sustentabilidade e a igualdade que deron lugar a unha narrativa colectiva en forma de aldea imaxinaria. Esta aldea non é só unha metáfora: é unha proposta política e pedagóxica que desafía o discurso dominante e imaxina un mundo alternativo, onde os coidados se recoñecen como centro
da vida e da organización social. Cada espazo da aldea representa un ámbito dos coidados, e ao mesmo tempo, unha crítica ás múltiples crises que atravesan as nosas sociedades.